Novas

03-04-2020

O Concello de Fene pon en marcha a partir deste sábado o programa #Fenequedanacasa

O Concello de Fene pon en marcha a partir deste sábado o programa #Fenequedanacasa coa participación dos Departamentos de Cultura, Deportes, Arquivo, Administración electrónica e Biblioteca Municipal de Fene. Segundo avanzan dende o Goberno Municipal, o proxecto foi creado fundamentalmente para a veciñanza de Fene e vai encamiñado a facerlle máis doado este período de confinamento. A iniciativa artellarase ao redor da páxina de Facebook “Fenequedanacasa” e aglutinará distintas propostas socioculturais e de mantemento físico, así como iniciativas de interacción/socialización que contribúan a ocupar este tempo dun xeito saudable e socioculturalmente activo.
25-02-2020

As comparsas toman as rúas de Fene

O Entroido de Fene finaliza esta tarde co desfile e festival de comparsas que se desenvolverá polas rúas de Perlío e Fene a partir das 18 horas. O programa da xornada -festivo local no Concello de Fene- completarase coa lectura do Testamento e queima do Antón, coa presenza da “Viuva do Entroido”. E xa como fin de festa, a Concellería de Cultura anuncia un espectáculo pirotécnico que dará paso á verbena nocturna, arrufada pola orquestra Panamá.

As dezaoito comparsas participantes no desfile deste Mércores de Cinza concentraranse na rúa Río Cádavo de Perlío ás 17.30 horas. Media hora máis tarde comezará o percorrido pola Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais, e Avda. do Concello, ata chegar á praza do alcalde Ramón José Souto González onde se desenvolvera o festival baixo carpa.
25-02-2020

Música e lambetadas para festexar o martes de entroido no Concello de Fene

Cunha festa infantil baixo carpa, o Concello de Fene continúa esta tarde coas actividades do seu Entroido 2020. Como é tradicional, os protagonistas deste Martes de Entroido serán os pequenos para os que se programou unha xornada de baile, música, xogos e lambetadas.
A festa desenvolverase de 17.30 a 20.30 horas na Praza do alcalde Ramón José Souto González con entrada libre. No descanso da mesma, procederase ao reparto de freixós, orellas, rosquillas, bola e torradas entre os pequenos que asistan.
21-02-2020

Dezanove comparsas participan no desfile do mércores de cinza

O Concello de Fene ultima os preparativos do seu Entroido 2020. A poucos días do arranque dos festexos, a Concellería de Cultura anuncia que, finalmente, serán dezanove as agrupacións que participarán no desfile de comparsas previsto para o mércores 26 de febreiro. Tamén se informa para ese día dun corte de tráfico, a partir das 17.30 horas (na rúa Río Cádavo), e a partir das 18.00 horas en Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais e Avda. do Concello, namentres dure o desfile de comparsas até a Praza do alcalde Ramón José Souto González.
19-02-2020

O Concello de Fene Conmemorará o vindeiro domingo o día de Rosalía

O parque de Rosalía de Castro, en Perlío, acollerá este domingo 23 de febreiro, ás 12.30 horas, o acto institucional que organiza o Concello de Fene con motivo do “Día de Rosalía”. Acolléndose un ano máis á proposta da Fundación Rosalía de Castro, dende a concellería de Cultura faise tamén un chamamento aos establecementos de hostalería do termo municipal para que se sumen á iniciativa e sirvan o domingo como tapa o “Caldo de gloria”, inspirado no poema “Miña casiña, meu lar”, de Rosalía.
19-02-2020

Cambio de horario na Casa da Cultura durante o Entroido

A Concellería de Cultura informa dos cambios no horario de apertura e atención ao público da Casa da Cultura, Biblioteca Municipal “Pérez Parallé” e Museo do Humor de Fene, por mor das festas do Entroido.
Así, o sábado 22 de febreiro, estas instalacións permanecerán pechadas. O luns 24 e o martes 25 de febreiro, o horario será de 10:00 a 14:15 horas. E o mércores 26 de febreiro, festivo local no Concello de Fene, a Casa da Cultura permanecerá pechada.
A partir do xoves 27 de febreiro, reanudarase o horario habitual de inverno: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
17-02-2020

Últimas prazas libres para os obradoiros de disfraces e cociña entroideira

Este mércores, 19 de febreiro, remata o prazo para anotarse no “Obradoiro de disfraces e xincana” e no taller “Cociñamos en familia!” que organiza a Concellería de Cultura de Fene no marco do ciclo “Fene vai de entroido”. Os/as pequenos/as que desexen apuntarse poden facelo no Departamento de Cultura do Concello de Fene (Avda. Naturais, 44, entrechán dta.) até o mércores, incluído, en horario de 8.30 a 14.00 horas.

O obradoiro de cociña entroideira “Cociñamos en familia!” terá lugar o luns 24 de febreiro, de 17 a 19 horas, no local do CCRD de Perlío. Vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos (acompañados dunha persoa adulta). Nel, os/as participantes elaborarán en parellas doces típicos do Entroido coma rosquillas, orellas ou torradas. A actividade é de balde pero o número de prazas é limitado (12 nenos/as + 12 adultos).
11-02-2020

Fene vai de Entroido

Até o vindeiro 19 de febreiro o Concello de Fene mantén aberto o prazo de inscrición para as agrupacións que queiran participar no desfile e festival de comparsas que terá lugar o mércores 26 de febreiro, festivo local no Concello de Fene. Como é tradicional, o programa deste día grande do Entroido fenés completarase coa lectura do Testamento, a queima do Antón e cun espectáculo pirotécnico que dará paso á actuación da orquestra Panamá. Pero as actividades do ciclo "Fene vai de Entroido" comezarán xa o luns 24 cun obradoiro de cociña entroideira.
04-02-2020

Mostra artística Noelia Lago e Hortensia Losada na Casa da Cultura de Fene

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, informou esta mañá de que a Casa da Cultura de Fene estrea exposición baixo o título “Mostra artística Noelia Lago e Hortensia Losada”. Obras de pintura ao óleo, acuarela, poesía e arte manual que poderán verse a partir de mañá mércores na sala de exposicións temporais. Aínda así, o acto de inauguración oficial terá lugar o venres 7 de febreiro ás 20 horas, con entrada libre.

A partir de entón, a mostra poderá visitarse de luns a venres de 10 a 13 h e de 16 a 21 h; os sábados de 10 a 13 h, e os días 24 e 25 de febreiro de 10 a 14,15 horas. O sábado 22 e o mércores 26, a sala permanecerá pechada.
28-01-2020

Clausura este mércores en Fene da mostra “Poñendo luz á noite”

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor acollerá este mércores 29 de xaneiro o acto de clausura da exposición “Poñendo luz á noite”, da pintora fenesa Ana Basoa Rioboo. Será a partir das 20 horas e, nel, a artista fará balance do paso da mostra por Fene, unha selección de retratos, bodegóns, flores, froitas… sempre dende o realismo. Así mesmo, o acto contará coa actuación de Humberto Basoa –guitarra e voz-.